Friday, December 29, 2006

Probiña da tola

Moitas veces valoramos tan pouco o que temos tan preto...



Non teño parentes,
amores nin chouza,
de aldea en aldea,
parroquia en parroquia
ando polo mundo
arredada e soia,
e xanto, cando atopo
cunha almiña boa
que polos seus mortos,
bótame de esmola,
a cunca do caldo
e o anaco de broa.
Durmo nos camiños
érgome coa aurora,
lávome nas fontes
de crara auga morna,
e as noites que a lúa
loce briladora,
como nun suspiro,
paso as horas mortas
mirando pra ela,
cantándolle copras,
lúa, lúa branca,
como me namoras,
Lúa, lúa branca,
como me namoras...

Os cans que me ladran
e os nenos que xogan
tirándome pedras,
chamándome tola,
atraveso veigas,
rubo corredoiras,
e salto valados
cobertos de roxas
espiñas de estripos
e ortigas treidoras,
que fírenme a carne
e ráchanme a roupa...
...A roupa dos probes,
que nunca foi nova.

A xente do mundo
que din que está corda
marmura ao toparme
"probiña da tola",
E non é verdade.. .
Abofé... Abofé que estou corda.
Si a xente o soupera...

Cando camiñando
paso po-las hortas,
a tempo que a xente
turra da espiocha,
ou cava patacas,
ou pranta cebolas,
sempre hai un que diga
"Onde vades Rosa"
E eu que nunca quixen
andar con parolas.
"Demo de xudío"...
A ti que che importa.
E sin máis palique,
vírome de costas,
mais ben me percato
facéndome a sorda,
que queda decindo...
"Probiña da tola"

O conto é que un fillo
(bo mozo) da dona
do pazo da Gándara
andúvolle as voltas.
As cousas do mundo
e o triste da historia
foi que o mozo, o irse,
"deixouna sin honra"...
Eu non me recordo,
bah.. ¿Quen se recorda?
pero eu non acerto
qué ten esa historia,
que cando contala,
tristeiros escoitan,
namentras eu saio
correndo da horta,
os homes salaian,
e as vellas e as mozas,
co mandil nos ollos,
doloridas choran,
decindo en voz baixa...
"Probiña da tola"

A xente do mundo
que din que está corda
marmura ao toparme,
"Probiña da tola"...

E non é verdade...
Abofé que estou corda...
Si a xente soupera...
Que non é verdade,
abofé estou corda,
si a xente soupera
que eu vivo na gloria,
cando a noite cobre
o pinal de sombras,
dúrmome nun leito
de fiunchos e follas,
e a pouco desperto,
e vexo unha pomba
que baixa do ceo,
voa que revoa,
e ven no meu colo
pousarse, e mimosa,
rúbeseme o peito
e bícame na boca,
fálame dos anxos
da Nosa Señora.
E todas as noites,
ven a branca pomba,
e comigo fala,
e comigo xoga.
Até que alumeando
o pinal a aurora,
rube cara ao ceo
voa que revoa
Por eso me río,
cando "Meigas fora"
A xente do mundo
que din que está corda...
Marmura ao toparme...
" Probiña da tola"


Ramón Cabanillas

Labels: ,

2 Comments:

Anonymous Anonymous said...

Vaia poetas que temos, meu.
Non sei si é morriña ou saudade, pero ¿non é certo que témo-la língua máis bonita e infravalorada?
Vémonos nun tris.
Biquiños neno

Friday, 29 December, 2006  
Blogger PepeDante said...

Ti trata de aprender o euskera e logo comparamos. E poetas seguro que si... dalle unha oportunidade a Yolanda Castaño, oh, xa verás... :-)
bicos

Friday, 29 December, 2006  

Post a Comment

<< Home

Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.